martes, 23 de enero de 2018

Aos responsables de Turgalicia: Rectificación da guía de surf

Turismo cultural, turismo gastronómico, turismo de diversión, turismo rural, turismo relixioso, turismo de natureza, turismo histórico...
Dentro do turismo hai moitos tipos de turismo, e é dabondo sabido que son unha importante actividade económica e unha fonte de ingresos para calquera lugar, sobre todo se a zona dispón de riqueza paisaxística, cultural, arquitectónica, gastronómica, etc. Por iso, todo tipo de turismo adoita contar cunha guía turística que destaca os lugares máis relevantes a visitar polo foráneo.

Se falamos dun turismo que engloba natureza, deporte, diversión, sol, aventura, ondas e praias, estamos a facer referencia a un turismo moi atractivo do que moitos se poden beneficiar, escolas de surf, cámpings, restaurantes, fotógrafos, chiringuitos de praia, hoteis, etc...

Xa sexa estar de acordo ou non con que se faga unha guía de praias de Galicia para promocionar o surf, si se fai, publiquen unha guía na que se indiquen as praias máis relevantes e coñecidas para a práctica deste deporte, a condición de que se faga con respeto coidando eses recunchos máxicos que seguro que algúns coñecen e poucos gozan deles. Recunchos afastados da masificación, recunchos gardados como un auténtico tesouro pola comunidade surfeira galega e que tanto custou descubrir, recunchos nos que indo unha e outra vez até dar coas condicións idóneas despois de facer en repetidas ocasións os mesmos quilómetros en diferentes días do ano, chuviosos ou asollados, fríos ou calorosos, días nos que falando entre amigos ao saber que entran ondas dise:

"Imos mirar alí, parece que pode romper unha onda".
Vas e hai unhas ondas "caralludas". Triunfada.
Vas e hai unhas ondas de merda. Cómeste os mocos.

Iso sí, a pesar de deborar quilómetros e quilómetros cun final glorioso ou fracaso, ninguén che quita eses momentos de risas entre amigos, de incerteza de como estará o mar, de aventura, de pescudar con que condicións de mar, vento e marea rompe esa onda. Iso tamén é surf, unha esencia que sempre lembrarás.

Hoxe en día en internet está todo e podes atopar unha localización cun só "click", non hai necesidade de polo tan fácil nunha guía, que o forasteiro sexa forasteiro, e si chega a ver romper algunha desas ondas perdidas que temos na nosa comunidade, que o faga con gañas de aventura, perdéndose na nosa terra, descubrindo a nosa costa e que viva esa motivación por explorar Galicia. Seguro que tamén o lembrará sempre.

Imaxino que dende "Turismo de Galicia" saben cantos quilómetros de costa ten Galicia e coñecen o número de praias que existen para a práctica de surf na nosa comunidade, pero, ¿saberán cantas probas de surf e bodyboard completan o Circuíto Galego?.
Mellor non dicir o número xa que é ridículo se o comparamos cos quilómetros de costa e praias que temos.

Si se quere promocionar o surf e bodyboard en Galicia, señores/as de "Turgalicia", invistan na Federación Galega de Surf, invistan no Circuíto Galego para realizar máis campionatos con premios que incentiven a máxima participación de deportistas, invistan nas escolas de surf e bodyboard para que poidan contar con técnicos preparados e material dispoñible, invistan na limpeza das nosas praias, invistan en que teñan bo acceso, duchas e papeleiras, invistan en socorrismo e vixilancia, xa que en multitude de ocasións son os propios surfeiros os que salvan a vida aos turistas...

De Norte a Sur de Galicia, de Ribadeo á A Guarda hai praias e praias para a práctica do surf, pero non olviden que de Ribadeo á A Guarda tamén hai grupos de surfeiros que teñen os seus recunchos que gardan coma se de ouro se tratase, recunchos que cantos menos o saiban máis gozan deles para vivir o auténtico espírito surfeiro.

O surf e o bodyboard en Galicia está vivo, e é moito máis que coller ondas. Respecten os nosos segredos.